Emperador romano
| Emperador romano | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons |
O emperador romano era o gobernante e xefe de estado monárquico do Imperio Romano, comezando coa concesión do título de augustus a Octavio no ano 27 a. C.[1] O título de imperator, orixinalmente un título honorífico militar, usábase xeralmente xunto con caesar, orixinalmente un cognomen. Os primeiros emperadores tamén usaban o título princeps ("primeiro") xunto con outros títulos republicanos, especialmente cónsul e pontifex maximus.
A lexitimidade do goberno dun emperador dependía do seu control do exército romano e do recoñecemento por parte do senado; un emperador normalmente era proclamado polas súas tropas, polo senado ou por ambos. Os primeiros emperadores reinaban sós; os emperadores posteriores ás veces gobernaban con coemperadores para asegurar a sucesión ou para dividir a administración do imperio entre eles. Pensábase que o cargo de emperador era distinto do de rex. Augusto, o primeiro emperador, rexeitou decididamente o recoñecemento como monarca.[2] Durante os primeiros trescentos anos de emperadores romanos, fixéronse esforzos para retratar os emperadores como líderes da república, temendo calquera asociación cos reis que gobernaran Roma antes da república.
Desde Diocleciano, cuxa tetrarquía reformada dividiu o cargo nun emperador en Occidente e outro en Oriente, os emperadores gobernaron nun estilo abertamente monárquico.[3] Inda que a sucesión era xeralmente hereditaria, só o era se había un candidato axeitado aceptable para o exército e a burocracia,[4] o que a miúdo levou a varios pretendentes ao trono. A pesar disto, os elementos do marco institucional republicano (senado, cónsules e maxistrados) conserváronse mesmo despois do fin do Imperio de Occidente.
Constantino I o Grande, o primeiro emperador cristián, trasladou a capital de Roma a Constantinopla, anteriormente coñecida como Bizancio, no ano 330 d. C. Os emperadores romanos sempre ocuparan altos cargos relixiosos, e os primeiros emperadores incluso foron adorados como deuses, polo menos despois da súa morte, cando se dicía que se converteran en divinos. Baixo o reinado de Constantino xurdiu a idea especificamente cristiá de que o emperador era o gobernante escollido por Deus na terra, un protector especial e líder da Igrexa cristiá, unha posición que máis tarde se denominou cesaropapismo. Na práctica, a autoridade dun emperador en asuntos da Igrexa era frecuentemente obxecto de desafío. No período posterior, inda que teoricamente era un imperio, había dous emperadores, un no leste e outro no oeste. O Imperio Romano de Occidente colapsou a finais do século V despois de múltiples invasións de tribos bárbaras xermánicas, sen que quedase ningún reclamante recoñecido como emperador de Occidente despois da morte de Xulio Nepote no ano 480. No seu lugar, o emperador oriental Zenón proclamouse a si mesmo como o único emperador dun Imperio Romano teoricamente indivisible (inda que na práctica non tiña autoridade en Occidente). Os posteriores emperadores orientais que gobernaron dende Constantinopla autodenomináronse "basileo dos romanos" (grego antigo: βασιλεύς Ῥωμαίων, Basileus Romaíon ), pero a miúdo son chamados emperadores bizantinos na erudición moderna.
O papado e os reinos xermánicos cristianizados de Occidente recoñeceron os emperadores orientais ata a ascensión ao trono da emperatriz Irea en 797. Despois disto, o papado creou unha liñaxe rival de emperadores romanos na Europa Occidental, os emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico, que gobernaron durante a maior parte do período entre 800 e 1806. Estes emperadores nunca foron recoñecidos en Constantinopla e as súas coroacións resultaron no problema dos dous emperadores. O último emperador oriental foi Constantino XI Paleólogo, que morreu durante a caída de Constantinopla ante o Imperio Otomán en 1453. Despois de conquistar a cidade, os sultáns otománs adoptaron o título de "césar dos romanos" (kayser-i Rûm). Existiu un grupo bizantino de emperadores pretendentes no Imperio de Trebisonda ata a súa conquista polos otománs en 1461, inda que usaran un título modificado dende 1282.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Watkin, Thomas Glyn (2017-07-05). An Historical Introduction to Modern Civil Law (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 978-1-351-95891-2.
- ↑ Galinsky, Karl (2005-10-10). The Cambridge Companion to the Age of Augustus (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-80796-8.
- ↑ Williams, Stephen (1997). Diocletian and the Roman Recovery (en inglés). Psychology Press. ISBN 978-0-415-91827-5.
- ↑ Heather, Peter (2010-11-30). The Fall of the Roman Empire: A New History (en inglés). Pan Macmillan. ISBN 978-0-330-52983-9.