Clasicismo
| Clasicismo | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||
| Clasicismo | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||
O clasicismo é o conxunto de características propias das obras de arte da antigüidade clásica e, por extensión, unha tendencia artística ou literaria baseada na proporción, no equilibrio das formas e no respecto á tradición clásica.[1]
Como concepto estético, é unha corrente estética e intelectual que pode aplicarse a distintos períodos e disciplinas, cubrindo todos os dominios da arte, desde a arquitectura e a música ata a pintura e a literatura.[2]
Nun sentido máis histórico e restrinxido, o termo clasicismo designa os movementos artísticos europeos desenvolvidos entre os séculos XVII e XVIII, con cronoloxías distintas segundo os países e as artes: o classicisme francés do século XVII, o clasicismo musical da segunda metade do XVIII ou a renovación posterior das formas antigas no neoclasicismo.[3]
En algúns países, o clasicismo suplantou progresivamente ao barroco, deixando espazo ao romanticismo antes de renovarse a través do neoclasicismo. Expresouse cunha volta cara ás formas clásicas (gregas e romanas) en todas as artes.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Clasicismo arquitectónico.
En arquitectura, o termo clasicismo designa, en sentido amplo, o emprego dunha linguaxe inspirada na antigüidade clásica grecorromana, baseada nas ordes arquitectónicas, a proporción, a simetría e a procura da harmonía formal.[4][5]
Aínda que soe designar a arquitectura dos séculos XVI e XVII, especialmente no reino de Francia e na península itálica, non se identifica cun único período histórico, senón cunha tradición recorrente que reaparece en distintos momentos da arte europea.[3]
Xa o Renacemento do século XII incorporou elementos clasicistas, cun interese renovado pola cultura latina e certas formas da arte grecorromana.[6] Porén, aquela recuperación desembocou en boa medida na arte gótica, mais anticipando trazos que serían desenvolvidos con máis intensidade no Renacemento (XV e XVI).[7]
No Renacemento, o clasicismo consolidouse como unha recuperación da arquitectura antiga, especialmente a partir da península itálica, con autores como Bramante e Palladio.[8][9] Neses séculos, o termo pode empregarse nun sentido específico para designar o classicisme en Francia, diferenciado tanto da arquitectura renacentista como do barroco e do neoclasicismo.[10][11]

A relación entre clasicismo e barroco non sempre é de oposición estrita. O barroco tamén emprega elementos clásicos, mais tende a facelo cun maior dinamismo compositivo e teatralidade. No caso francés, o clasicismo chegou a interpretarse como unha forma de barroco máis sobrio.
Máis tarde, o neoclasicismo retomou novamente a arquitectura antiga con criterios arqueolóxicos e ideolóxicos propios dos séculos XVIII e XIX.[12]
Música
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Música do clasicismo.
O termo Clasicismo refírese ao estilo musical que domina durante a segunda metade do século XVIII. É o equivalente ao Neoclasicismo do resto das artes.[13]
En Música adóitase coller o ano da morte de Johann Sebastian Bach (1750) para delimitar a fin do Barroco e o comezo do Clasicismo. Obviamente xa atopamos mostras do novo estilo en autores anteriores a esta data, caso de Christoph Gluck e compositores barrocos seguiron escribindo música con posterioridade, coma Händel.
Este estilo caracterízase polo equilibrio e pola proporción, fronte á ornamentación tan característica do Barroco. É a época do nacemento ou da fixación de formas clásicas coma a sonata, a sinfonía, o concerto ou o cuarteto de corda.
Os principais autores son Haydn, Mozart e Gluck. Beethoven actuará de ponte co Romanticismo.[14][15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "clasicismo". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2026-06-24.
- ↑ Larousse, Éditions. "classicisme - LAROUSSE". www.larousse.fr (en francés). Consultado o 2026-06-24.
- 1 2 Larousse, Éditions. "le classicisme dans les arts - LAROUSSE". www.larousse.fr (en francés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Classical architecture". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Order". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "The Twelfth-Century Renaissance". www.history.ox.ac.uk (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "The Gothic style – an introduction · V&A". Victoria and Albert Museum (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Renaissance architecture; Italian, Gothic, Baroque". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ Department of European Paintings. "Architecture in Renaissance Italy - The Metropolitan Museum of Art". www.metmuseum.org (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Le classicisme, un style français". Passerelles (en francés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ Junior, Universalis. "CLASSICISME". Universalis Junior (en francés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ Gontar, Cybele. "Neoclassicism - The Metropolitan Museum of Art". www.metmuseum.org (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ Larousse, Éditions. "le classicisme en musique - LAROUSSE". www.larousse.fr (en francés). Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Musique de la période classique". www.usj.edu.lb. Consultado o 2026-06-24.
- ↑ "Classical music; Description, History, Composers, & Facts". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2026-06-24.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clasicismo |