Pratt & Whitney é un fabricante aeroespacial estadounidense con operacións de servizos globais. Trátase dunha subsidiaria de United Technologies Corporation (UTC). Os motores de avión de Pratt & Whitney son amplamente usados tanto na aviación civil como na militar. A súa sede atópase en East Hartford, Connecticut. Como un dos "tres grandes" fabricantes de motores de aviación compite con General Electric e Rolls-Royce, aínda que tamén formou empresas conxuntas con ámbalas dúas. Ademais de motores para avións, Pratt & Whitney fabrica turbinas de gas para a industria e para a xeración de enerxía, turbinas de uso marítimo e motores para foguetes. En 2014 a compañía tiña 31 500 empregados e uns 11 000 clientes en 180 países de todo o mundo.