Esta lingua ten a súa orixe en dialectos do inglés medio de Northumbria. Posúe preto dun millón e medio de falantes, e é unha lingua común na rúa, pero que carece de calquera apoio oficial: nin se aprende nas escolas nin aparece na rotulación das cidades nin apenas en libros. O escritor máis famoso en scots é Robert Burns, que empregou esta lingua tanto coma o inglés nos seus poemas.
Os falantes nativos ás veces refírense á lingua como braid Scots[2] ou usan o dos diferentes dialectos como Doric, Teri ou o Buchan Claik. O termo Lallans, unha variante do scots moderno lawlands, é tamén utilizado. O scots en Irlanda é coñecido en círculos oficiais como "scots do Ulster" ou "Ullans", un recente neoloxismo que combina "Ulster" e "Lallans".
O nome vernáculo da lingua, Scots, é unha contracción de Scottis, scots antigo,[3] e da forma meridional do inglés antigo tardío Scottisc (en inglés moderno: Scottish), que substituíu a temperán forma i-mutadaScyttisc. Antes do século XV a fala inglesa en Escocia era coñecida como "English" (escrita Ynglis ou Inglis daquelas), así o termo "Scottish" (escrito Scottis) referíase ao gaélico.
Recoñécese que o scots ten habitualmente cinco dialectos:
Scots setentrional, falado ao norte de Dundee e dividido á súa vez nunha franxa máis setentrional (ao redor da vila de Caithness), nunha fita central e maioritaria (chamado dialecto dórico) e nunha máis meridional. O dialecto dórico ten á súa vez algúns dialectos recoñecidos e peculiares na vila de Cromarty: a fala dos mariñeiros de Cromarty, a fala dos labregos de Cromarty e a fala dos vilegos de Cromarty.
Scots central, falado entre as cidades de Perth (ao norte) e Glasgow e Edimburgo (ao sur), e que se adoita dividir en nororiental, suroriental, occidental e suroccidental.