The Dears é unha banda canadense de indie rock procedente de Montreal, Quebec. O grupo está liderado polo matrimonio formado polo cantante e guitarrista Murray Lightburn e a teclista Natalia Yanchak. Ata a data a banda leva publicados sete álbums de estudio.[1]
A banda formouse no ano 1995 e publicou o seu primeiro álbum de estudio, End of a Hollywood Bedtime Story, en 2000.[2] O seu son pop escuro e orquestral e os seus dramáticos concertos situaron a The Dears como parte do emerxente renacemento do indie canadense da época.
En 2001 e 2002 a banda publicou os EPs Orchestral Pop Noir Romantique e Protest, ademais dunha colección de cancións inéditas, Nor the Dahlias. En 2003 editaron o seu segundo álbum de estudio, No Cities Left, e unha serie de concertos no festival SXSW '04 lanzou a súa carreira internacional.[3]
The Dears xirou extensamente polo Canadá, os Estados Unidos, Europa, Xapón e Australia promovendo o lanzamento internacional de No Cities Left e regresou ao estudio de gravación en 2005. Gang of Losers foi publicado en 2006 e foi ben recibido pola prensa.[4]
The Dears tiveron actuación de alto perfil como abreconcertos para Sloan, The Tragically Hip, Keane, The Secret Machines e Morrissey, con que se adoita a comparara a Lightburn. A súa música foi descrita como un cruzamento entre The Smiths e Serge Gainsbourg coa voz de Lightburn sendo relacionada coa de Morrissey e a de Damon Albarn. A complexidade da súa música e arranxos tamén foi comparada con Radiohead, Jethro Tull e Genesis. Os potentes concertos de The Dears foron descritas como "...o equivalente sonoro de ver a cara de Deus".[5]
O 10 de xullo de 2007 o álbum Gang of Losers foi nomeado á lista curta do Polaris Music Prize.[6] O seu seguinte álbum, Missiles, foi editado o 20 de outubro de 2008 no Reino Unido e no día seguinte en Norteamérica.
O 15 de febreiro de 2011 The Dears publicaron o seu quinto álbum de estudio, Degeneration Street. O álbum foi nomeado á lista longa do Polaris Music Prize dese ano.[7]