A Casa de Estuardo (Stuart ou Stewart en inglés) é o nome dunha dinastía de soberanos que reinaron en Escocia entre 1371 e 1714, e en Inglaterra, Irlanda e o País de Gales entre 1603 e 1714. O fundador da casa Estuardo foi un emigrante bretón, Alan Fitzflaald, que morreu cara a 1114. Este permaneceu fiel ao futuro rei de Inglaterra Guillerme o Conquistador. O rei de Escocia, David I (1124-1153) deulle o título de "gran stewart", ou senescal, ao neto de Fitzflaald, Walter. Á morte deste, en 1177, o título pasou de pai a fillos e aos poucos converteuse nun apelido que se transformou en "Stuart".
O primeiro Estuardo en subir ao trono de Escocia foi Roberto II Estuardo, sobriño do rei precedente, David II Bruce (1329-1371), en 1371, fundando así a dinastía dos Estuardo.
Á morte de Guillerme III, Ana Estuardo sucedeulle, pero non tivo fillos, converténdose na última soberana da dinastía Estuardo xa que Xurxo de Hannover sucedeulle en virtude da Lei de Instauración, que apartaba da sucesión a Xacobe Francisco Estuardo, debido á súa adhesión ao catolicismo.