Rodolfo Rábade
| Nome orixinal | Rodolfo Rábade Díaz | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Nacemento | 11 de abril de 1931 A Coruña | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Morte | 15 de xullo de 2001 A Coruña | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Rodolfo Rábade Díaz, nado na Coruña o 11 de abril de 1931 e finado na mesma cidade o 15 de xullo de 2001,[1] foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. A súa prometedora carreira, que o fixo debutar na Primeira División co Deportivo da Coruña aos 19 anos de idade, viuse truncada pola tuberculose, enfermidade que o retirou do fútbol cando só contaba con 23 anos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da Coruña e no club Cantábrico, da praza de Santa Catalina, no que xogaba tamén Carlos Torres. Posteriormente pasou polo Silva, o Imperátor e o Santa Margarita, este último fundado polos seus irmáns máis vellos e outros amigos,[2] ao mesmo tempo que estudaba para profesor mercantil.[3] En 1948 fichou polo Xuvenil de Rodrigo, co que xogou varias tempadas na Terceira División.[4]
As súas grandes actuacións no Xuvenil fixeron que fose considerado un dos mellores futbolistas coruñeses naquel momento e abríronlle as portas do Deportivo da Coruña. O 18 de marzo de 1951 debutou na Primeira División, nun partido contra o Alcoyano en Riazor. Formou na dianteira xunto con Corcuera, Moll, Ponce e Tino, realizando un gran partido e marcando o segundo dos catro goles do seu equipo (4-0).[5] Xogou tamén nas dúas seguintes xornadas, marcando un gol en cada unha delas: contra o FC Barcelona en Riazor, onde bateu ao histórico Ramallets, e contra o Sevilla no estadio de Nervión. Regresou de Sevilla lesionado, polo que se perdeu os derradeiros partidos da tempada, e pouco despois caeu enfermo de tuberculose, deixando o fútbol por un tempo.[6] O seu contrato co Deportivo quedou rescindido un ano e medio despois, en outubro de 1952.[7] Durante esa época de inactividade como futbolista, adestrou o Imperátor.[8]
Reapareceu sobre os terreos de xogo o 11 de outubro de 1953 nun partido do Xuvenil contra o Ourense en Riazor, no que Rodrigo o aliñou na dianteira a carón de Vegazo, Seijas, Rilo e Regueira, e no que marcou un dos cinco goles do seu equipo (5-1).[9] Completou unha boa tempada co Xuvenil, culminada co ascenso á Segunda División, o que propiciou a súa volta ao fútbol profesional.
Ante a lentitude do Deportivo por reincorporar ao xogador, en xuño de 1954 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Zamora,[10][11] o que causou malestar na Coruña.[12] Debutou nun partido amigable contra o Guardés na Guarda,[13] e uns días despois marcou o seu primeiro e único gol no Trofeo Emma Cuervo, contra o Athletic Club, axudando a conquistar o trofeo (3-1).[14] Disputou só dous partidos oficiais, contra o Málaga e contra o Racing de Santander, coincidindo de novo no equipo con Carlos Torres. Pouco despois recaeu da súa tuberculose e tivo que deixar o fútbol con só 23 anos.
Faleceu na Coruña o 15 de xullo de 2001, aos 70 anos de idade.[15]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 1958 con Mirtha Doce Rico.[16] Tivo catro fillos: Rodolfo, Rafael, Ruth e Ramón.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 19-7-2001, p. 58.
- ↑ "Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de decembro de 1993. p. 95.
- ↑ Quintanilla, José Luis (27 de marzo de 1951). "Diálogo (ante una taza de tila) con Rábade". La Noche (en castelán) (9294). p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "Entrevista a Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xaneiro de 1950. p. 3.
- ↑ "Rábade estuvo magnífico en su debut". La Noche (en castelán). 19 de marzo de 1951. p. 1. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "Rábade no ha decidido retirarse del futbol". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de outubro de 1951. p. 5.
- ↑ "Galicia de norte a sur". El Pueblo Gallego (en castelán) (9621). 5 de outubro de 1952. p. 19. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "Sporting Ciudad - Imperátor a las cinco en la final de la Copa de La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de agosto de 1952. p. 8.
- ↑ "En Riazor, el Juvenil superó a C.D. Orense (5-1)". La Región (en castelán) (13635). 13 de outubro de 1953. p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "Rábade, nuevo jugador céltico". El Pueblo Gallego (en castelán) (10097). 17 de xuño de 1954. p. 7. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "El Celta se interesa por el jugador Lechuga". La Noche (en castelán) (10391). 19 de xuño de 1954. p. 5. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ Longueira, Manuel (25 de xuño de 1954). "Un punto fuera de juego". El Pueblo Gallego (en castelán) (10104). p. 10. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "En un magnífico encuentro el Celta vence al Guardés por (4-3)". El Pueblo Gallego (en castelán) (10155). 24 de agosto de 1954. p. 7. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "En Ribadeo ganó el Celta el Trofeo Emma Cuervo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10161). 31 de agosto de 1954. p. 8. Consultado o 18 de decembro de 2021.
- ↑ "Falleció el exdeportivista Rodolfo Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de xullo de 2001.
- ↑ "Bodas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1958. p. 10.