Bamaco[1][2] (Bamako en francés e Bamakɔ en bambara) é a capital de Malí. Localízase no suroeste do país, na ribeira do río Níxer, a cidade é o centro administrativo e comercial e con 953600 (2004) é a cidade máis grande de Malí. Ten a categoría de distrito, estando dentro do estado ao mesmo nivel que as rexións e divídese en seis concellos.
Bamaco é a capital do único distrito do país. Concentra o 70% da produción industrial total do estado.[3] As principais producións son as manufacturas, como os téxtiles, a carne, os metais e a pesca. Ademais, o sector terciario está moi estendido, sobre todo o artesanado e o comercio. É sede das grandes empresas nacionais e da Administración do estado.
A área onde se asenta Bamaco está habitada dende o paleolítico, segundo a tradición fundárona os xefes bambaras Seribadian Niaré e Soumba Coulibaly no século XVII, a cidade foi un importante centro comercial e de estudo islámico, posteriormente decaeu e a fins do XIX apenas tiña 800 habitantes. En 1883 os franceses ocuparon Bamaco e en 1908 convértese na capital do Sudán francés e ao obter Malí a independencia en 1960, Bamaco convértese na súa capital.
A cidade de Bamaco nunha curva do río Níxer, rodeada de montes. Esténdese por unha superficie de 267km². Ten unha poboación de 1690471 habitantes (2006) e un porto fluvial importante sobre o río Níxer.
É relativamente chan excepto ao norte, onde hai unha escarpa, formada por un antigo volcán.
Unha liña de ferrocarril une Bamaco con Dakar, no Senegal, pasando por Kati, Négala, Kita e Kayes. Outra forma de comunicarse coa cidade é o propio río Níxer. Ademais, existen camiños asfaltados que comunican a capital de Malí coas principais cidades das distintas rexións do país. O proxecto da Estrada Transaheliana vai facer pasar por Bamaco a vía procedente de Dakar para logo dirixirse cara a Burkina Faso, Níxer, Nixeria e o Chad. Por vía aérea, o Aeroporto Internacional de Bamaco-Sénou conecta a cidade con múltiples destinos africanos, ademais de con París, a onde voan as compañías Aigle Azur, Air France e Air Mali.
O crecemento demográfico de Bamaco é moi acusado nos últimos anos, pasando dos 2500 habitantes en 1884, 8000 en 1908, a máis de 160000 en 1960, durante a época da independencia, até chegar a unha poboación de máis de 1600000 habitantes actualmente. Bamaco é a sexta cidade do mundo cunha proxección de crecemento de poboación máis grande, prevista para o ano 2020.[5]
↑Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p.1303. ISBN9788482887524. Bamaco (Malí)