Lloret de Mar é unha cidade e concello costeiro da comarca da Selva, no sur da provincia de Xirona, en Cataluña. Pioneira do turismo europeo na década de 1950, converteuse nun dos destinos turísticos mediterráneos máis importantes e coñecidos de España.
Está dotada dunhas praias excelentes de area granulada. Posúe tamén unhas magníficas vistas ao castelo nun extremo e ao outro o monumento a "A Muller Mariñeira" que representa o sufrimento das mulleres esperando a volta dos seus maridos pescadores.
Hai vestixios das épocas ibérica e romana en varios xacementos arqueolóxicos. Na Idade Media, aparece documentado por primeira vez en 966 coa forma Lauredo, unha versión da palabra latina "lauretum" (loureiro). Como moitas poboacións costeiras do Mediterráneo, Lloret padeceu frecuentes incursións dos sarracenos durante a Idade Media. Dise que a tradición do baile de "Ses Almorratxes" orixinouse naquela época.
O núcleo actual da poboación formouse no s. XV ao redor da praia (Anteriormente, achábase a 1km terra a dentro, para evitar ou se fose necesario para prepararse aos ataques dos piratas, e xunto á Ermida de Les Alegries, que foi a igrexa principal da Vila antes de que se edificase a actual Igrexa de Sant Romà).
A partir do s. XVIII o porto de Lloret (actualmente sen vestixios) foi tomando cada vez maior importancia grazas ao comercio, do que son recordo as casas edificadas polos indianos.