Paleozoico
| Paleozoico | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Fanerozoico | |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||
A era paleozoica[1] ou primaria, tamén chamada paleozoico (do grego παλαιός palaiós, 'vello', 'antigo', e ζωη zoē, 'vida'; é dicir: 'era da vida antiga') é a primeira das tres na que se divide o eón Fanerozoico (ou 'era da vida visíbel —do grego φανερός phanerós, 'visíbel', 'que está á vista'—). Abarca dende comezos do Cámbrico (hai aproximadamente 542 millóns de anos) ata o final do Permiano (hai aproximadamente 251 millóns de anos).
Características do paleozoico
[editar | editar a fonte]Nesta era a vida no noso planeta aumentou considerablemente. Moitos animais desenvolveron cuncha ou esqueleto. A principios do Paleozoico todos os seres vivos eran acuáticos. Cara a finais do Paleozoico varios seres xa lograran conquistar terra firme.
Durante a primeira metade do Paleozoico evolucionaron formas de vida máis complicadas. Os peixes foron os primeiros animais que desenvolveron unha espiña dorsal, e os máis antigos viviron hai máis de 400 millóns de anos no período Ordovícico. A mediados do Paleozoico, os peixes abarrotaban os mares.
Durante esta era, algúns moluscos creceron e desenvolveron un cerebro maior e máis eficaz. Estes novos moluscos nadaban utilizando un tipo de propulsión a chorro. Cara ao período devoniano evolucionaron os peixes. Os primeiros non tiñan mandíbulas. Despois evolucionaron peixes xigantescos e, máis tarde, os de aletas lobuladas desenvolveron pulmóns,dando orixe aos anfibios.
Xeoloxicamente, o Paleozoico iníciase pouco despois da desintegración do supercontinente Pannotia e acaba coa formación do supercontinente Panxea. Durante a maior parte da era, a superficie terrestre dividíase nun número relativamente pequeno de continentes. A finais da era Paleozoica houbo importantes cambios no relevo da codia terrestre, aparecendo as cordilleiras tanto no océano como na terra, e producíronse as primeiras invasións glaciares extensas, o que permitiu o aumento da extensión e altitude dos continentes, determinando profundas perturbacións nos climas existentes e, como consecuencia, nos organismos que poboaron as extensións continentais.
Subdivisións
[editar | editar a fonte]A Era Paleozoica divídese en seis períodos: Cámbrico (a vida animal florece nos mares), Ordovícico (dominan os invertebrados, Silúrico (primeiro animal de respiración aérea), Denóvico (predominio da vida animal; aparecen peixes con escamas duras e os anfibios), Carbonífero (aparecen grandes bosques de fentos, os primeiros réptiles e os primeiros insectos voadores) e Permiano (ten lugar unha grande extinción coñecida como a extinción masiva do Permiano-Triásico).
| Era | Período | M. anos | Eventos principais | |
|---|---|---|---|---|
| Paleozoico | Permiano | 299,0 ±0,8 | Formación da Panxea. Extinción masiva do Permiano-Triásico, 95% especies desaparecen | |
| Carbonífero | Pennsylvaniano | 318,1 ±1,3 | Abundantes insectos, primeiros réptiles, extensos bosques de fentos | |
| Mississippiano | 359,2 ±2,5 | Árbores grandes primitivos | ||
| Devoniano | 416.0 ±2,8 | Aparecen os primeiros anfibios, Lycopsida e Progymnospermophyta | ||
| Silúrico | 443,7 ±1,5 | Primeiras plantas terrestres fósiles | ||
| Ordovícico | 488,3 ±1,7 | Dominan os invertebrados. Extincións masivas do Ordovícico-Silúrico | ||
| Cámbrico | 542,0 ±1,0 | Explosión cámbrica. Primeiros peixes. Extincións masivas do Cámbrico-Ordovícico | ||
Vida
[editar | editar a fonte]Nos estratos pertencentes a era Paleozoica atópanse extensos grupos de rochas sedimentarias de orixe mariña, nas que aparecen por primeira vez abundantes fósiles perfectamente conservados, principalmente radiolarios e foraminíferos, así como animais xa de maior tamaño e de organización máis complicada, como os trilobites.
Nos primeiros períodos desta era non se atopan fósiles de vexetais mariño, pero o final, sobre todo a partir do carbonífero, descubríronse restos de vexetais terrestres, como os fentos e as ximnospermas, que formaron selvas extensas e espesas. Na actualidade constitúen importantes depósitos de hulla e antracita.
A fauna mariña foise enriquecendo coa sucesiva aparición dos corais, os trilobites e os moluscos, como os cefalópodos, e no Silúrico xurdiron os primeiros animais terrestres, como os escorpións, aos que seguiron os insectos primitivos. No mar apareceron os peixes, que tiñan o seu esqueleto brando.
O final da era, os anfibios —primeiro— e algúns réptiles —despois— constituíron os primeiros vertebrados terrestres. Entre os réptiles destacan os pteromorfos, antecesores dos mamíferos, xa que presentan trazos comúns. O desenvolvemento dos réptiles nesta era é preparatorio ao grande auxe que tiveron na seguinte.
Xeoloxía
[editar | editar a fonte]Hai uns 600 m.a. a Terra estaba constituída por 4 grandes masas continentais que representan o esqueleto dos continentes actuais. Os seus contornos e posicións relativas son moi incertas. Durante o Paleozoico estas masas foron desprazándose e o final do Permiano, hai 225 m.a. aproximadamente, colidiron e formaron unha masa continental única, chamada Panxea, rodeada por un único e amplo océano, Panthalasa.
A colisión entre os continentes deu lugar a unha actividade oroxénica que estivo representada por dous grandes pregamentos; o Caledoniano, polo que se formaron, entre outras, as cordilleiras de Escocia, Escandinavia e Siberia; e o Herciniano, que afectou a toda Europa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Entrada paleozoico en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2019. Consultado o 08 de xaneiro de 2019.