close
Saltar ao contido

Banco de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Houbo dous bancos denominados "Banco de Vigo". O primeiro fundouse en maio de 1900 e desapareceu en xaneiro de 1925, foi o que tivo sede no Edificio Banco de Vigo.
Este artigo trata do segundo, procedente da Banca Viñas Aranda, que non se chamou "Banco de Vigo" ata 1957.
 Banco de Vigo
 Instancia de
Localización
 Sede
 País
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 82655
Wikidata

O Banco de Vigo foi unha institución bancaria galega, fundada en Vigo.

Banca Viñas Aranda

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Edificio Banca Viñas-Aranda.

O 27 de decembro de 1918 constituíuse en Vigo a Banca Viñas Aranda, fundada polo corredor de comercio Francisco Andrés Viñas Blanco (nado en Noia o 28 de novembro de 1878), o avogado Salvador Aranda Tapias e o comerciante Antonio Malvido Sanmartín. A Banca era unha sociedade comanditaria por accións, cun capital de 120 000 pesetas (100 000 en capital comanditario e 20 000 en capital colectivo).

Edificio Banca Viñas-Aranda, de Antonio Palacios, na Rúa Reconquista de Vigo.

A Banca Viñas (nome co que era coñecida) transformouse en sociedade anónima o 20 de outubro de 1920, establecendo o seu domicilio no número 23 da rúa Colón de Vigo. O 10 de novembro de 1930 inaugurouse unha nova sede social, nun edificio deseñado por Antonio Cominges Tapias na esquina da rúa Colón con Marqués de Valladares. En 1944 a sede trasladouse ao número 9 da Rúa da Reconquista, a un edificio encargado a Antonio Palacios.

A pesar da situación de crecemento económico, na década de 1950 tiveron lugar numerosos impagados e atrasos na cancelación de créditos. Amais, a Banca Viñas Aranda apenas tiña recursos propios, polo que tivo que ser intervida durante dous anos polo Banco de España.

Banco de Vigo-Viñas Aranda S.A.

[editar | editar a fonte]

Contratouse a un asesor externo para estudar a viabilidade da entidade, que tiña unha actividade moi reducida. Tras levarse a cabo determinados cambios, decidiuse a súa continuidade co nome de Banco de Vigo-Viñas Aranda S.A. Fixouse un capital social de 10 000 000 de pesetas e renovouse o Consello de Administración, incorporando a importantes empresarios, designando un novo Director Xeral.

Banco de Vigo S.A.

[editar | editar a fonte]

Até esa época existía outro banco chamado Banco de Vigo, que desapareceu por quebra. Por ese motivo, o 1 de xullo de 1957 o Banco de Vigo-Viñas Aranda reduciu a súa denominación, pasando a chamarse simplemente Banco de Vigo S.A.

Evolución

[editar | editar a fonte]

Nesta nova etapa o Banco de Vigo rexistrou uns crecementos moi reducidos, polo que producía uns beneficios moi escasos. Amais, a demanda de créditos era superior ao que se podía ofertar. Os socios non tiñan vontade nin capacidade suficientes para achegar á entidade recursos necesarios para dinamizar a actividade, e os antecedentes do Banco tampouco axudaban na entrada de novo accionariado. A xestión do Banco limitábase practicamente a administrar o negocio existente, sen acadar crecementos suficientes. Entre algúns socios empezaron a aparecer desavinzas, o que precipitou a venda do Banco.

Dada a situación anterior, en 1969 iniciáronse conversas co Banco Popular Español para estudar a adquisición do Banco de Vigo. A partir do 1 de xaneiro de 1970, xa baixo control do Banco Popular, abriuse unha nova etapa na xestión e na traxectoria do Banco de Vigo. Ao clausurarse nese mesmo ano a sucursal do Banco Popular en Vigo, traspasouse todo o seu negocio na cidade ao Banco de Vigo. En 1973 recibiu outro novo impulso ao fusionarse co Banco de Lugo o 31 de decembro, pasando a formar o Banco de Galicia, que se mantivo activo até a súa absorción en 2008 por parte do Banco Popular Español.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]