A dinastía Shang(en chinés:商朝;pinyin: Shāng cháo), tamén coñecida como dinastía Yin(en chinés:殷代;pinyin: Yīn dài), foi unha dinastía chinesa que gobernou o val do río Amarelo durante o segundo milenio a.n.e., sucedendo á dinastía Xia e sendo substituída pola dinastía Zhou occidental, segundo a tradición. A descrición clásica deste período procede de textos coma o Shujing (en galego:Clásico dos documentos), o Zhushu jinian (en galego:Anais de bambú) e o Shiji (en galego:Rexistros do gran historiador). A investigación actual sitúa a dinastía entre os séculos XVI e XI a.n.e., sendo a data de remate máis precisa cá do seu comezo.
Os Shang son a dinastía máis antiga da historia da China da que se ten evidencia arqueolóxica firme. O sitio de Yinxu, preto da actual cidade de Anyang, correspóndese coa derradeira capital dos Shang, Yin. As escavacións de Yinxu revelaron once grandes tumbas reais, os alicerces de antigos palacios e mais os restos de animais e humanos sacrificados en ritos oficiais de estado.