Fraga é unha localidade e un concello aragonés, de 12.868 habitantes, situado no extremo sueste da provincia de Huesca, no último treito do Val do río Cinca (a 115km de Zaragoza e a 25km de Lleida). O municipio, con 435km² de área, é un dos máis extensos de España. É cabeza do partido xudicial homónimo e capital da comarca do Baix Cinca. Oficiosamente é considerada a capital da Franja de Ponent.
Fraga ten un clima mediterráneo continentalizado, cunhas temperaturas medias anuais de 14,7°C e unhas precipitacións medias de 384mm, que se rexistran na primavera e, especialmente, durante o outono.
O territorio onde se asenta Fraga pertenceu en época prerromana ao pobo ibérico dos ilerxetes. Durante a dominación romana pasaba por aquí a vía que unía Zaragoza con Tarragona. Aínda que se ten defendido que Fraga era cidade dita Colonia Gallica Flavia, non hai probas que o confirmen.
A partir do século VIII a comarca pasou a formar parte do Al-Andalus, e a cidade foi coñecida como Medina Afraga. Foi tomada polos cristiáns, dirixidos por Ramón Berenguer IV o 24 de outubro de 1149.
Fraga pertence á área lingüística catalá-occidental. O catalán utilízase na cidade e arredores, pero non con igualdade fronte ao castelán que domina. Só moi recentemente se autorizou o ensino de catalán nos niveis primario e secundario.[1]
A cidade constitúe un importante centro do sector servizos, que ocupa un terzo da poboación activa. O sector primario da comarca está especializado no cultivo de froiteiras, especialmente figueiras.