A parte norte pertence á Ribeira Sacra, no val do río Sil preto da desembocadura no Miño, determinado polo encoro de Santo Estevo. A parte sur ten zonas montañosas, como as lombas desgastadas da terra da Picoña, Cabeza de Meda, Os Confurcos, Os Burdiallos e Os Salgueiriños. Entremedias, hai unha área de media montaña con planicies onduladas e cumios como A Carpadena, Outeiro do Río, A Espereta, Biruxe, Corzas, A Gándara e Os Penediños. Estas zonas xeográficas determinan a climatoloxía, oceánica de montaña nas zonas máis altas, e oceánico mediterráneo na ribeira.
Hai petos de ánimas en Cimadevila, Couto e Teimende. O cruceiro de Forcas está asentado sobre unha roca que fai ás veces de base. Na parroquia de Forcas consérvase sobre o río Mao a ponte románica de Canceliñas, que ten marcas de canteiro.
O concello conta coa ruta de sendeirismo homologada PR-G 98, Canón do Sil - Santa Cristina. É unha ruta circular de 18km con principio e fin na prazo do Barquilleiro, da capital do municipio. Discorre na maior parte polos camiños de carro e sendas antigas para cultivar as pendentes de vides. No percorrido vense fornos, sequeiros e muíños, amais do mosteiro románico de Santa Cristina de Ribas de Sil.
O escudo do concello foi proposta por Francisco Ogando Vázquez e Fernando González Suárez en marzo de 1988, e aprobado pola Xunta de Galicia polo decreto 563/1990 do 20 de decembro. O primeiro e cuarto cuarteis fan referencia ás nove mitras de ouro (cinco e catro respectivamente), sobre fondo sinople. O segundo cuartel leva as armas dos Castro, condes de Lemos: seis roeis azuis sobre campo de prata. O terceiro cuartel leva unha palma de ouro baixo unha coroa real da mesma cor, en campo de goles. Ao timbre, coroa real pechada.